Logo Bio Misión

Biomisión é un proxecto de divulgación científica
sobre os Bancos de Sementes e
a súa viaxe ata as nosas mesas

Biomisión é un proxecto de divulgación científica sobre a importancia dos cultivos vexetais e dos Bancos de Sementes como instrumentos para manter e recuperar a Biodiversidade e para avanzar cara a unha alimentación máis respectuosa social, económica e ambientalmente.

Biomisión céntrase nos tesouros (as sementes) que se encontran gardados no Banco de Sementes da MBG-CSIC e na súa viaxe até as nosas mesas.

A viaxe que vos vamos relatar comeza cos traballos de recuperación e mellora das variedades levados a cabo durante moitos anos por investigadoras e investigadores da MBG-CSIC; continúa co cultivo das sementes por Antonio na súa horta ecolóxica El Calabacín Rojo; prosegue con Ricardo, profesor de cociña no  CIFP Carlos Oroza, cultivando e transmitindo os coñecementos aos seus alumnos e alumnas; e para rematar Javier, cociñeiro do restaurante Culler de Pau, elabora uns suculentos pratos cos tesouros que saíron do Banco.

Sen embargo, esta é unha soa das viaxes posibles, porque en verdade hai moitas outras.

O importante en Biomisión é coñecer o valor dos cultivos vexetais que nos rodean e que nos alimentan. Un valor que inclúe non só o económico, senón tamén o social, o cultural e por suposto o ambiental.

Pois, como veredes neste espazo, as variedades dos cultivos tamén nos indican cal é riqueza agroalimentaria dun lugar, e xa vos adiantamos que Galicia é un lugar moi rico en cultivos e variedades. Unha riqueza que entre todos e todas temos que manter.

É por iso que outra parte fundamental de Biomisión sodes vós: os rapaces e as rapazas que, a través da vosa curiosidade e ganas de coñecemento sobre os Bancos de Sementes, a Biodiversidade, a viaxe das Sementes do Banco á Mesa e a Sostibilidade agroalimentaria, facedes que a nosa sociedade sexa máis respectuosa e máis sostible ambientalmente.

Así que non nos queda máis que agradecervos visita e desexarvos unha boa viaxe!