Logo Bio Misión

Biomisión é un proxecto de divulgación científica
sobre os Bancos de Sementes e
a súa viaxe ata as nosas mesas

Do Banco á Mesa

Moitas veces, os tesouros (sementes) do Banco de Sementes da MBG-CSIC viaxan fóra das cámaras onde se aloxan. 

Algúns curiosos agricultores e agricultoras van á súa procura para despois plantalos e cultivalos nas súas hortas e ver se as súas propiedades (cores, formas, tamaños, sabor…) poden ser interesantes. Se os tesouros producen bos produtos, comercialízanos en prazas, supermercados, froitarías, restaurantes ou véndenos directamente aos consumidores e consumidoras.

Neste apartado ímosvos contar unha desas viaxes: a das sementes que saíron do Banco da MBG-CSIC, se cultivan na horta de El Calabacín Rojo e chegan a un restaurante con dúas Estrelas Michelín, Culler de Pau.

Bota un ollo ao video «Biomisión: do banco á mesa». Nel poderás ver como unhas sementes aloxadas nun Banco acaban finalmente nun prato dun restaurante como Culler de Pau

Moitas das sementes aloxadas no Banco de Sementes da MBG-CSIC pertencen a variedades de cultivos que se cultivaban en Galicia hai tempo (que chamamos variedades locais) pero que por distintos motivos se abandonaron.

É probable que vos preguntedes, pero por que se abandonan algúns cultivos?

Pois por exemplo, porque chegan novas variedades comerciais que quizais sexan máis produtivas (porque producen máis mazurcas de millo por planta, por exemplo), porque as persoas deixan de consumir os produtos desas sementes e os agricultores pensan que xa non ten sentido cultivalas, ou por culpa dalgunha praga ou enfermidade que afecta aos cultivos e entón deixan de cultivarse.

Sen embargo, na actualidade nalgúns lugares estase a producir o efecto contrario. Algúns investigadores, agricultores, cociñeiros e cociñeiras comezan a darse conta da necesidade de obter novas variedades de cultivos con novas cores, formas, sabores, texturas…

Pero tamén de variedades máis adaptadas ao lugar onde se cultivan e con propiedades máis beneficiosas para a nosa saúde. E moitas das variedades locais gardadas no Banco de Sementes da MBG-CISC cumpren con eses criterios e é por iso que algunhas agricultoras e agricultores acoden á MBG-CSIC á procura deses tesouros para as súas hortas.

Este exemplo é outro dos motivos de por que son necesarios os Bancos de Sementes, para que aínda que (momentaneamente) se abandone un cultivo, se dispoña das sementes para poder recuperalo no futuro.

Bio Misión Sostenibilidade

Avanzar cara a Sostibilidade

Seguro que tedes escoitado as palabras sostible, sustentable, sostibilidade ou sustentabilidade pero, que significan realmente?

Vamos ver algúns exemplos para entendelo mellor.

En primeiro lugar, a sostibilidade é un proceso, e que significa isto? Pois que non podemos ser sostibles dun día para outro, nin as persoas nin os cultivos nin as empresas. É necesario ir dando pasiños pouco a pouco para sermos, algún día no futuro, unha sociedade sostible.

Preguntarédesvos, que pasos teño que dar, e cara a onde, para ser sostible? Vamos cunha pequena definición para entendelo:

A sostibilidade busca preservar, manter e mellorar tanto a cantidade como a calidade dos recursos naturais dos que dispoñemos. E cales son os recursos naturais? Pois os cultivos vexetais, os animais, o solo, os bosques, os ríos, os mares, a atmosfera, o vento, a auga, etc. Todo aquilo que sexa susceptible de ser usado ou que poida verse afectado cando producimos alimentos, xeramos enerxía, construímos ousas como casas, coches, mobles… Deste xeito, para sermos sostibles temos que conseguir que todos os recursos que utilicemos se rexeneren para que as xeracións que veñan detrás de nós poidan tamén facer uso deles como fixemos nós.

No caso dos cultivos, a sostibilidade implica reducir o consumo de enerxía para producir alimentos; non utilizar pesticidas, herbicidas ou produtos prexudiciais para o medio ambiente; utilizar menos cantidade de auga para o seu cultivo; etcétera.

Así que, como podemos facer nós, consumidores de millo (pan, cereais), de leguminosas (fabas, chícharos, xudías) e brásicas (grelos, verzas, coles e repolos), para facer que a produción de alimentos sexa máis sostible?

Pois unha medida pode ser a de consumir alimentos que se cultiven o máis cerca posible de onde os vamos consumir; estes chámanse alimentos de proximidade. Consumir produtos da nosa zona implica reducir o consumo de enerxía para traelos e almacenalos (menos consumo de combustible = menor contaminación) pero, ademais, favorece a economía do noso entorno e a conservación do medio rural e natural.

Relacionado coa proximidade está a temporalidade, que non é máis que o consumo de produtos locais no seu momento óptimo de colleita, co cal terán máis calidade nutricional e de sabor.

A Circularidade

Outra medida que se pon en marcha para avanzar na sostibilidade é circularidade. A circularidade está composta por tres elementos principais:

Neste caso a orde é moi importante. Así, o primeiro que temos que considerar á hora de consumir (alimentos, enerxía) ou de utilizar un recurso que sexa escaso (auga, solo) ou de utilizar un elemento que contamine (un vehículo) é se é realmente necesario facelo e, no caso de que sexa necesario, reducir o consumo ou uso.

En segundo lugar, cando teñamos consumido ou utilizado un recurso ou un produto, temos que buscar a forma de reutilizalo todas as veces que sexa posible, sempre que ese consumo ou uso reutilizado non xere novos impactos negativos como a contaminación.

Por último, cando teñamos consumido ou usado un produto ou recurso teremos que reciclalo. É dicir, darlle un novo uso ou depositalo naqueles lugares onde poida ser reciclado por outras persoas.

No caso do investigación sobre a produción de cultivos vexetais, tamén se aplican as tres R da circularidade. Así, avánzase na redución dos impactos negativos xerados na produción agraria evitando, ou reducindo, o uso de produtos prexudiciais como pesticidas, herbicidas…; procúrase a reutilización e aproveitamento de todas as partes do cultivo como, por exemplo, creando novos produtos comestibles -brotes, flores, xerminados…- ou utilizando os restos do cultivo para a produción de enerxía -biomasa-; e ,por último, recíclanxe aqueles produtos que non se poden aproveitar para, por exemplo, xerar abonos orgánicos para alimentar as plantas doutro novo ciclo de cultivo ou desenvolvendo biofumigadores previndo nese caso, o uso de funxicidas sintéticos.

En conclusión, ao adoptarmos medidas no noso día a día que impliquen consumir máis produtos de proximidade e de temporada, e ao reducirmos, reutilizarmos e reciclarmos recursos e produtos, estaremos, pasiño a pasiño, a camiñar cara a sostibilidade do noso Planeta.