Logo Bio Misión

Biomisión é un proxecto de divulgación científica
sobre os Bancos de Sementes e
a súa viaxe ata as nosas mesas

Que son os Bancos de Sementes?
Que conteñen? Para que serven?

Son algunhas das preguntas que tratamos de responder aquí.

E para comezar, bota un ollo a este pequeno video sobre os Bancos de Sementes:

Como puideches ver no video, os Bancos de Sementes son lugares onde se conservan as sementes de cultivos silvestres e locais para que manteñan todas as propiedades.

En certo modo, son como unha biblioteca pero, en vez de gardar libros, o que se gardan son as sementes dos cultivos.

Os bancos creáronse para conservar diferentes variedades de cultivos (como cereais, leguminosas, brásicas, froitas, etc.) antes de que se perdesen ao seren substituídas ou abandonadas por variedades máis modernas, xeneticamente máis uniformes.

No caso dos cultivos, a uniformidade (é dicir, a existencia de poucas variedades dun só cultivo) supón un risco, pois ao existir menos diversidade é probable que os cultivos sexan menos tolerantes a cambios no ambiente (como as secas) ou menos resistentes a pragas e enfermidades.

Así, os bancos de sementes serven para conservar a diversidade dos cultivos gardando centos de variedades deles. Pensade no millo, por exemplo, existen centos de variedades que se diferencian pola cor, o tamaño, a textura… pero tamén por outros compoñentes que só podemos ver ao analizar o seu contido interno: os xenes. En efecto, a diversidade dos cultivos ten que ver coa súa xenética, é dicir, cos diferentes xenes que conforman o seu ADN e que definen a cor, o tamaño, a textura, a resistencia, etc. E toda esta diversidade é fundamental para mellorar as variedades actuais e futuras tanto para resolver os problemas que poidan xurdir na agricultura como para contribuír a unha alimentación máis diversa, máis sostible e de maior calidade.

Na MBG-CSIC dispoñemos dun Banco de Sementes que se divide en tres partes, que coinciden cos tres tipos de cultivos que albergan: variedades de millo, de leguminosas (xudías, chícharos, fabas…) e de brásicas (grelos, verzas, coles, repolos…).

Bio Misión sementes brásicas

Cultivos e variedades

Neste apartado imos falar dos cultivos vexetais e das variedades, de por que existen diferentes variedades e de por que é bo que existan moitas variedades dentro dos cultivos.

Os cultivos vexetais son tipos de plantas que foron domesticadas polos seres humanos desde o inicio da agricultura, hai aproximadamente uns 10.000 anos.

Cada cultivo domesticado foi utilizado para diversos fins e en diversos lugares, polo que pouco a pouco fóronse adaptando a diferentes usos e ambientes, desenvolvéndose así en distintas variedades. Por tanto, as variedades non son máis que as variacións que se foron producindo nun cultivo a medida que ía sendo cultivado en distintos lugares e para distintos usos.

Este é un proceso que non só se deu no pasado, hoxe en día tamén se desenvolven novas variedades; e coa axuda da investigación e da ciencia o proceso acelerouse moito máis utilizando técnicas como a mellora xenética, da que falamos un pouco máis aquí

Que existan moitas variedades dun cultivo é indispensable para que este consiga perpetuarse ao longo do tempo. Cantas máis variedades diferentes, máis posibilidades de adaptarse a diversas condicións locais e, polo tanto, maior tolerancia a condicións ambientais adversas, a pragas e a enfermidades; en definitiva, maior capacidade de supervivencia.

Pero este proceso adaptativo, ademais de satisfacer as necesidades de supervivencia do propio cultivo, xera diferenzas de cor, tamaño, textura e, por suposto, sabor. Ademais destas diferenzas externas, tamén se producen outras que, aínda non sendo visibles a simple vista, son tanto ou máis importantes que as externas, como por exemplo: altos contidos de proteína ou doutros compostos que poden ser moi saudables para o noso organismo ou mesmo ter propiedades preventivas para determinadas enfermidades.

Unha parte importante da investigación que se realiza en cultivos está destinada a coñecer cales son estes compostos, que propiedades beneficiosas teñen para nós e como incrementalos nas variedades dos cultivos; unha disciplina que se denomina mellora xenética vexetal.

Así, a diferenza entre cultivo e variedade é sinxela; son cultivos: o millo, a verza, o grelo, a xudía, o chícharo, a faba, etc. E son variedades de millo: o millo para flocos, o millo doce, o millo negro, o millo violeta… Son variedades de verza: a verza lisa, a verza rizada, a verza aceda… Son variedades de faba: a faba verdina, a faba de ril, a faba redonda…

Pero, onde comezan os cultivos e as súas variedades? Na semente, esa entidade da que nos esquecemos, porque o que realmente vemos na tenda ou no prato é o froito, as follas, as flores ou as plantas pero, sen as sementes, nada disto sería posible. Por tanto, son as sementes as que se gardan nos Bancos de sementes, porque é nelas onde está gardada a información (o ADN) de cada unha das variedades dun cultivo e son as que nos permiten dispoñer, unha vez cultivadas, das follas, das flores, do froito e de novas sementes para o futuro.

As diversas variedades de cultivos vexetais teñen moitas aplicacións: para a fabricación de tecidos, para a construción, para a produción de enerxía, para a alimentación animal e, por suposto, son unha fonte de alimentación fundamental para os seres humanos, tanto polo seu contido nutricional como pola eficiencia na súa produción.

Biodiversidade

A Biodiversidade é fundamental para o noso Planeta, tanto a animal como a vexetal, tanto a salvaxe ou silvestre (que fai referencia ás plantas) como a domesticada ou local.

Non obstante, na actualidade estase a dar un proceso de perda da biodiversidade en todos os ámbitos: extinción de especies animais, desaparición de plantas e redución de cultivos para a alimentación.

No caso dos cultivos vexetais, a homoxeneidade dos cultivos “modernos”, uniformes xeneticamente, pode ser un problema porque non permite dar resposta a novas necesidades alimentarias, a máis que probables adversidades ambientais provocadas polo cambio climático ou a pragas e enfermidades que poidan xurdir. É dicir, a homoxeneidade dos cultivos pode facilitar a súa destrución por unha praga, unha enfermidade ou por un fenómeno ambiental adverso, xa que ao seren uniformes xeneticamente, non dispoñen de ferramentas para poder “escapar” das ameazas.

Ao contrario, cando existen moitas variedades dun cultivo, existe diversidade xenética e, aínda que é posible que algunha das variedades desapareza, existen moitas posibilidades de que moitas outras resistan.

Así, a diminución da Biodiversidade ten repercusións negativas directas tanto no ambiente como en nós mesmos; reducindo a variedade da nosa dieta e ameazando a propia alimentación do conxunto da humanidade.

En consecuencia, a importancia da Biodiversidade dos recursos vexetais como as plantas, os cultivos e os cereais é fundamental para que as xeracións futuras sexan conscientes da necesidade de preservala e recuperala.

Os Bancos de Sementes e o traballo que realizan os investigadores, produtores, agricultores, formadores e cociñeiros e cociñeiras é fundamental para manter e incrementar a diversidade dos cultivos agroalimentarios.

Mellora xenética

A mellora xenética das plantas leva realizándose desde que comezou a domesticación dos cultivos (practicamente desde que comezou a agricultura), hai uns dez mil anos.

Foi a partir do descubrimento das leis da herdanza xenética, a finais do século XIX, cando comeza a mellora xenética das plantas dun xeito científico.

Desde ese momento, incorpóranse coñecementos xenéticos aos métodos de selección de variedades de cultivos, conseguindo aumentos espectaculares da produción agrícola. Estes aumentos de produción foron fundamentais para poder nutrir a unha poboación planetaria que case se multiplicou por catro no último século (de 1.600 millóns no ano 1900 a 6.000 millóns no ano 2000). De feito, en moi pouco tempo pasouse da fame na maior parte do mundo a unha época de excedente de alimentos.

Lamentablemente, a excedencia de alimentos na que vivimos na actualidade tampouco acabou coa fame por completo pois, aínda que globalmente prodúcense máis alimentos dos que podemos consumir, estes non chegan a todos os lugares onde se necesitan. Nestes casos, a mellora xenética das plantas tamén xoga un papel moi importante pois trata de desenvolver cultivos que se adapten e resistan a condicións ambientais adversas como as altas temperaturas ou as secas prolongadas. Por exemplo, na MBG-CSIC estase a desenvolver un proxecto, chamado DROMAMED, que busca variedades de millo resistentes ás secas no Mediterráneo.