ensaios de investigación
A primeira das actividades de Biomisión son os Ensaios de Investigación. E si, está en plural porque existen moitos ensaios desenvolvidos por diversas entidades, mesmo persoas particulares.
Que se fai nestes Ensaios? Pois investigar sobre diversos tipos de variedades de Brásicas (1), como a nabiza-grelo, a verza, o repolo ou o nabicol.
En Biomisión pensamos que a mellor forma de coñecer e aprender sobre o método científico e os recursos fitoxenéticos (2) é levando as cousas á práctica, é dicir, investigando.
E esa é a base dos Ensaios de Investigación: que durante uns meses as persoas participantes sexan investigadoras da Misión Biolóxica.
Entrouche a curiosidade e queres participar? Claro que si, mira o que hai que facer aquí.
(1) Igual imos demasiado rápido e non sabes que son as Brásicas. Se é o teu caso, visita a nosa web amiga Verdura Atlántica onde se explica quen son as Brásicas.
(2) Probablemente te preguntes que son os "Recursos Fitoxenéticos". Unha posible definición di que se trata dun material de orixe vexetal que é utilizado, ou pode selo, para a agricultura e a alimentación. Dito doutro xeito, todas aquelas plantas e cultivos que son utilizadas (ou poderían selo no futuro) no ámbito agroalimentario. Ten en conta que as plantas alimentan o mundo e son base da alimentación humana, por exemplo, o trigo, o millo e o arroz.

